sábado, 28 de noviembre de 2015

DEIXOUNOS O PAI DE BALBINO



O escritor Neira Vilas, veciño de Gres (Vila de Cruces), o pai de Balbino, o neno protagonista de Memorias dun neno labrego, morreu onte, 27 de novembro, pero déixanos  moitas historias: O cabaliño de buxo, A marela taravela, O espantallo amigo, Memorias dun neno labrego e tantas outras.
Desde a biblioteca de Vilatuxe dicímosche que  o teu recordo estará sempre no corazón de pexego dos nosos rapaces e rapazas.


A XOANIÑA ANDEIRA           

Sobre o lombo do regueiro
navega unha xoaniña
nunha folla de salgueiro.

Vaise do eido nativo.
Quere ter diante dos ollos
paisaxes que nunca tivo.

Dende o intre que embarcou
sente unha fonda morriña
do prado onde se criou.

Mentres deixa atrás o val
vai dicindo polo baixo:
“ volverei ó salgueiral “.

E unha mañá raioleira,
por entre vimbios e fentas
voltou a xoaniña andeira.



SUBIOTE

Subiote
meu chifrote
de ameneiro,
cantareiro,
paxariño
querendón.
Subiote,
meu chifrote
sempre amigo,
vas comigo
espallando
unha canción.
Subiote,
meu chifrote,
na camposa
todo amosa
o grileo
do teu son.
Subiote,
meu chifrote
recendente,
pau ridente,
bibimbao
do corazón.

 
 

TRABALLAMOS POLA IGUALDADE

O libro escollido para traballar pola igualdade de xénero  foi Oliver button es una nena, de Tomie de Paola.

Ao final da lectura houbo un coloquio moi interesante entre todos os nenos e nenas dando a súa opinión.



Tamén traballamos en todas as aulas, de infantil a sexto, o libro Roedores,


 para acudir, finalmente ao Salón Teatro de Lalín a ver a obra de teatro do mesmo título, interpretada polo grupo Redrum Teatro e  dirixida polo veciño lalinense Álex Sampayo.




domingo, 1 de noviembre de 2015

CELEBRANDO O SAMAÍN

O venres pola mañá, despois do recreo, houbo sesión de contos de medo na biblioteca. Os rapaces e rapazas , como son moi valentes, non tiveron nin pinga de medo.

LENDO HISTORIA

Xa que o proxecto deste ano vai sobre historia aí tedes o recanto creado na biblioteca para comezar a investigar ou, simplemente,  para viaxar no tempo.

PRIMEIRAS NOVIDADES

Coma todos os anos comezan a chegar as primeiras novidades. Aquí as tedes, para que vaiades botándolle un vistazo.

AS PEGADAS DOS DEVANCEIROS NA CONTORNA

Ola! Este é o título do proxecto de biblioteca deste ano, para coñecer un pouquiño a historia máis próxima, porque aquí temos un pouco de todo: científicos coma o matemático  Rodríguez ou o astrónomo Aller; pintores coma Laxeiro, Colmeiro ou Lamazares;  virreis de Nova Granada e do Perú, como Francisco Gil Taboada y Lemos Villamarín;  o autor do primeiro dicionario galego-castelán, Francisco Xavier Rodríguez Gil, sobriño do matemático Rodríguez; un capitán das revoltas irmandiñas, coma Arias Pérez, "o tigre do Deza"; aviadores que fixeron historia coma Xaquín Loriga; profesores e investigadores coma Xosé García Oro e  César García Oro... Ata hai quen di que Andeca, "Xan Deza", o último rei suevo de Galicia, era veciño noso!
Todos eles naceron  e criáronse moi pertiño de nós e gozaron  dos lugares nos que nós seguimos vivindo: en Bermés, Barcia, Soutolongo, Botos, Bendoiro...
Na nosa comarca atopáronse tesouros coma o da Agolada e estelas romanas coma as de Bermés. Hai grandes castros coma os de Gresande, con lendas de mulleres con corpo de cobra e olas con moedas de ouro.
Ánimo rapaces e rapazas, a investigar sobre os nosos devanceiros!